Thursday 02 de May de 2024

O pleno de Oleiros aproba por unanimidade unha moción, a proposta do BNG, en apoio do proxecto de Mulleres Colleiteiras e para demandar unha nova convocatoria para a recollida do aceite doméstico usado


Denuncian graves deficiencias na execución do contrato anterior, xa caducado

O BNG tamén presentou mocións semellantes noutros concellos, como o de Culleredo, onde tamén se aprobou por unanimidade

O concelleiro do BNG en Oleiros, Iván Roca, presentou no pasado pleno unha moción en defensa do proxecto Mulleres Colleiteiras, que actualmente está situado nunha nave do viveiro municipal no Polígono de Iñás, de Oleiros.

Este proxecto de inclusión social ten como principal obxectivo o traballo de recollida, almacenamento, valorización e reutilización do aceite doméstico usado, feito por mulleres en situación de exclusión social, como medio para incorporarse ao sector formal de autoemprego, ofrecendo unha proposta eficaz ao problema das verteduras de aceite nas cociñas e ao aproveitamento dun recurso.

As características do proxecto complican que compitan coas grandes empresas nos concursos e licitacións en igualdade de condicións. Trátase dunha cooperativa cun forte carácter social, polo que non teñen acceso aos mesmos recursos nin os seus obxectivos son os mesmos que os doutro tipo de empresas coas que concursan en moitas ocasións.

A recollida do aceite usado representa un servizo á cidadanía, que de non facerse de xeito organizado e regulado pode representar un problema sanitario e medioambiental. O Consorcio das Mariñas realiza este servizo por medio dun contrato de recollida, que caducou no mes de outubro, sen que se fixera unha nova convocatoria. Mulleres Colleiteiras non recibe ningunha contraprestación económica pública pola concesión da recollida do aceite.

A moción presentada pola formación nacionalista explica que se produciron graves deficiencias na execución do contrato anterior, e demanda unha nova convocatoria urxente, con medidas exhaustivas de control para que estes erros non poidan repetirse.

No pleno de Culleredo, o BNG tamén presentou unha moción semellante, que se aprobou tamén por unanimidade. Nas próximas semanas, a formación nacionalista fará o mesmo noutros concellos do Consorcio das Mariñas.